Dende biofore somos conscientes de que a biomasa forestal é un recurso cun gran potencial para a súa valorización en diferentes campos.

O aproveitamento da biomasa forestal non madeireira como fonte de materia prima e enerxía, semella unha alternativa de interese. Conseguindo unha optimización dos traballos, esta práctica podería mellorar a rendibilidade da propiedade forestal, directamente, incrementando e diversificando os beneficios, e indirectamente, reducindo inconvenientes xerados na xestión silvícola ocasionados pola gran cantidade de restos derivados de cortas parciais e finais.

Resulta de interese polo tanto, desenvolver ferramentas que permitan facer un aproveitamento da mesma que sexa económica, ambiental e socialmente viable conseguindo, desta forma, pechar o ciclo do aproveitamento forestal e logrando unha economía circular ligada ó mesmo.

VALORIZACIÓN ENERXÉTICA

A combustión da biomasa como fonte de enerxía é un tipo de aproveitamento que suscita un gran interese, entre outras razóns, ante a problemática do cambio climático global, cuxo orixe parece vinculado ao sistema enerxético actual. Esta circunstancia levou a que os criterios tradicionais de xestión enerxética, baseados en lograr a maior competitividade de custos e seguridade de suministro, se engadiran outras tendenzas como a protección do medio ambiente e a través dunha política que inclúe o desenvolvemento de enerxías de carácter renovable entre as que se atopa a biomasa.

ELABORACIÓN DE FERTILIZANTES

Algún dos problemas máis importantes que actualmente afronta a agricultura son a erosión e a perda de fertilidade do chan. A agricultura intensiva xunto con prácticas de fertilización incorrectas, lévanos a ocasionar unha serie de danos nos ecosistemas sobre os que é necesario reflexionar. Unha alternativa para a diminución do impacto ambiental do uso de fertilizantes químicos son a compostaxe e ou vermicompostaxe da biomasa forestal residual, ben de forma individual ou con adición doutros RESTOS orgánicos.

ELABORACIÓN DE CAMAS PARA O GANDO

Na actualidade, empréganse diferentes tipoloxías de materiais para a elaboración de camas de gando que, por unha banda van a acondicionar o benestar do animal e, por outra, influirán directamente sobre a costra que se forma no xurro.

Tendo en conta a relevancia do sector gandeiro na sociedade actual, resulta de interese abordar canto se podería mellorar o benestar animal e mesmo canto se poderían reducir as emisións de amoníaco e outros gases a atmosfera empregando a biomasa forestal para este fin.